Nigran

A Champions League terá impronta de Nigrán nas súas grandes finais masculina e feminina

Nigrán volve situarse no mapa do fútbol europeo grazas a dous nomes propios que, desde realidades moi distintas, representan o talento da mocidade da comarca. Por unha banda, o mozo de 18 anos Pedro Dro podería vivir un momento histórico coa súa participación na final da UEFA Champions League co Paris Saint-Germain fronte ao Arsenal FC o vindeiro 30 de maio.

Aínda que a súa presenza sobre o céspede non está garantida debido á escasa continuidade que está a ter ás ordes de Luis Enrique, o simple feito de que un xogador formado na contorna miñorana poida estar nunha final deste calibre xa supón un orgullo para todo o Val Miñor.

Por outra banda, desde a parroquia de Priegue, o técnico Jonatan Giráldez, de 34 anos, volverá ser protagonista na elite europea. Na final da Champions League feminina, que se disputará en Oslo unha semana antes, enfrontarase co seu equipo, o Olympique Lyonnais, ao poderoso FC Barcelona Femení.

Todos os finalistas da Champions terán nos seus bancos adestradores españois. Mentres Mikel Arteta e Luis Enrique dirixirán as emocións da final masculina, Pere Romeu e Jonatan Giráldez poden presumir de levar o talento español ao máximo nivel continental tamén no fútbol feminino.

Un xogador emerxente e un técnico xa consolidado nun concello de apenas 17.000 habitantes. Este dobre fito reforza a idea de que o Val Miñor segue a ser unha auténtica canteira de talento deportivo. A ilusión medra e, sexa cal sexa o resultado, Nigrán xa gañou o seu propio partido no fútbol europeo.