Iván Ferreiro arranca na Coruña a xira “HoyxAyer” co Coliseum completamente cheo
O artista Iván Ferreiro, afincado en Nigrán e considerado unha das grandes referencias da música independente española, estreará este 9 de maio no Coliseum a súa nova xira “HoyxAyer”, nun concerto para o que xa colgou o cartel de entradas esgotadas.
Tras 35 anos de carreira musical, Iván Ferreiro regresa aos escenarios cun espectáculo moi especial no que repasará boa parte da súa traxectoria, mantendo intacta esa conexión única co público que o converteu nun dos artistas máis queridos do panorama nacional. Fiel ao seu estilo, o músico asegura afrontar esta nova etapa “con máis anos, pero non con máis experiencia”.
Sobre o escenario estará acompañado, unha vez máis, polo seu irmán, nunha proposta cargada de emoción, memoria e identidade musical. O concerto da Coruña supón o inicio dunha xira moi esperada polos seus seguidores e confirma o excelente momento artístico que vive o músico galego.
A actuación chega ademais despois de recibir o Premio Nigrán ao Mérito Cultural, un recoñecemento do Concello de Nigrán á súa traxectoria e á súa contribución á cultura galega e estatal.
Os nigraneses volverán presumir este ano dun dos seus artistas máis universais, que ademais actuará o próximo verán en Vigo, cumprindo así outro dos seus grandes soños: tocar na súa terra diante do seu público.
