Nigrán abre o prazo para solicitar as fogueiras de San Xoán ata o 13 de xuño
O Concello de Nigrán abriu o prazo para solicitar autorización para realizar fogueiras de San Xoán, que permanecerá vixente ata o 13 de xuño incluído. As persoas físicas ou xurídicas interesadas deberán presentar a correspondente solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica municipal.
No documento deberá constar o lugar escollido para a celebración da fogueira, que terá que ser de titularidade da persoa solicitante, ademais dos datos das persoas responsables da mesma. O Concello lembra que está totalmente prohibido facer fogueiras nas praias.
O bando municipal establece tamén as condicións de seguridade que deben cumprirse. Así, o material inflamable deberá estar preparado cun día de antelación para facilitar a súa revisión. Ademais, o volume da fogueira non poderá superar os cinco metros de diámetro nin os tres metros de altura.
As fogueiras deberán situarse a unha distancia mínima de 12 metros de edificios, árbores ou outros elementos que poidan resultar afectados polo lume. Tamén se prohibe a súa instalación baixo tendidos eléctricos ou en zonas próximas a produtos inflamables e espazos forestais.
Entre os materiais prohibidos para a queima figuran neumáticos, plásticos, aceites ou calquera substancia que desprenda fumes tóxicos, así como sprays ou recipientes con gases a presión.
O Concello lembra que as persoas organizadoras serán responsables dos posibles danos que se poidan ocasionar e deberán asegurarse de que as cinzas queden completamente apagadas antes de abandonar o lugar.
