Gondomar estrea a nova iluminación artística de San Bieito cun aforro enerxético do 60 %
Gondomar xa luce unha nova imaxe nocturna. O alcalde, Paco Ferreira, visitou o remate dos traballos de iluminación eficiente e artística da igrexa de San Bieito e da súa contorna, nun acto no que estivo acompañado pola presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como pola representante institucional do Xeodestino e alcaldesa do O Rosal, Ánxela Fernández Callís.
A actuación, iniciada o pasado mes de febreiro, chega ao seu fin xusto antes dunha das citas máis emblemáticas do municipio: a elaboración dos tradicionais tapices florais do Corpus Christi. O proxecto permitiu renovar completamente a iluminación do entorno da igrexa mediante tecnoloxía LED de baixo consumo, reducindo o gasto enerxético ata nun 60 %.
Ademais da eficiencia, o novo sistema busca realzar o valor histórico e artístico dun dos espazos máis representativos da vila. A iluminación combina puntos funcionais, pensados para mellorar a seguridade e a mobilidade peonil, con elementos ornamentais que destacan a arquitectura do templo e crean unha nova estampa nocturna no corazón de Gondomar.
O investimento ascendeu a 62.000 euros e foi financiado ao 100 % a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, con fondos Next Generation da Unión Europea.
Coa actuación xa rematada, veciñanza e visitantes poden desfrutar dun renovado espazo público que aposta pola sustentabilidade sen renunciar á posta en valor do patrimonio local.
