Vigo

Indignación no Val Miñor e Vigo polo peche das pistas de Balaídos

Os clubs de atletismo de Vigo e da súa área metropolitana, incluíndo entidades do Val Miñor, amosan o seu profundo malestar ante o anuncio do peche das pistas de Balaídos entre o 4 de maio e o 5 de xuño, nun momento clave da tempada deportiva. A decisión, cualificada de “inxusta e prexudicial”, afecta directamente a centos de deportistas de todas as idades que ven interrompida a súa preparación nun período determinante do calendario competitivo.

Dende o colectivo atlético denuncian que este peche non é un feito illado, senón unha mostra máis das carencias estruturais que leva anos sufrindo o atletismo na cidade. A falta de instalacións adecuadas e dunha planificación eficaz volve recaer, segundo sinalan, sobre os propios deportistas, adestradores e clubs.

Ademais, critican a escasa antelación coa que se comunicou a medida e a ausencia de alternativas viables para continuar cos adestramentos, o que evidencia, ao seu xuízo, unha falta de sensibilidade e compromiso por parte das autoridades locais.

O atletismo, un dos deportes con maior base social en Vigo e na súa contorna, cumpre un papel fundamental tanto a nivel formativo como comunitario. Por iso, os clubs consideran esta situación “inaceptable” e reclaman unha reflexión urxente sobre o trato que recibe esta disciplina, así como solucións inmediatas que garantan a continuidade da actividade deportiva sen prexuízos para os seus practicantes.