Baiona prioriza a orde e o silencio nas súas praias: prohíbese a música en directo e refórzase o respecto ao entorno natural
O Concello de Baiona vén de establecer unha normativa máis restritiva para a explotación das instalacións situadas nas súas praias, co obxectivo de reforzar a limpeza, mellorar a xestión dos residuos e preservar o carácter natural do litoral.
Entre as principais obrigas recollidas para os futuros adxudicatarios destaca a limpeza diaria e constante non só do propio quiosco ou zona de actividade, senón tamén do espazo inmediato nun radio mínimo de 30 metros, o que supón un control máis amplo sobre o entorno das praias.
A normativa tamén pon o foco na presenza de residuos na area, especialmente colillas e cinzas, que deberán ser retiradas cada día. Ademais, establécese a obrigatoriedade de contar con sistemas de separación selectiva de lixo para distintos materiais como plástico, vidro, papel ou materia orgánica, sempre en recipientes claramente identificados e sen elementos publicitarios.
Un dos cambios máis significativos afecta directamente á actividade de ocio: queda prohibida a celebración de concertos, actuacións musicais en directo e calquera tipo de espectáculo nas praias. Tampouco se permitirá o uso de equipos de amplificación sonora nin a instalación de escenarios. O horario de funcionamento limitarase ata as 22:00 horas.
No relativo á estética das instalacións, establécese que os quioscos deberán ser de estrutura prefabricada e madeira en ton natural, mentres que o mobiliario das terrazas terá que ser exclusivamente branco e sen publicidade visible.
