Os concellos do Val Miñor presentan a XXXVI Festa da Bicicleta, que se celebrará o 16 de maio
Os concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona presentaron a XXXVI edición da Festa da Bicicleta do Val Miñor, unha cita xa consolidada que este ano terá lugar de maneira excepcional o sábado 16 de maio, en lugar do día 17 como viña sendo habitual.
A organización desta edición corresponde ao Concello de Gondomar, seguindo o sistema rotatorio entre os tres municipios, unha fórmula que reforza a colaboración institucional e a unión da comarca.
A actividade, de carácter non competitivo, reunirá arredor de 1.000 participantes nunha marcha cicloturista aberta a todos os públicos a partir dos 7 anos. A organización lembra que será obrigatorio o uso de casco durante todo o percorrido.
En canto aos itinerarios, desde Gondomar a saída será ás 10:00 horas na Praza da Paradela, cun percorrido que pasará por Ramallosa ata o Parque da Palma en Baiona e regreso. Pola súa banda, en Nigrán e Baiona as saídas serán ás 11:00 horas desde o pavillón de Panxón e o Parque da Palma, respectivamente, con chegada final tamén en Gondomar.
Os distintos grupos iranse atopando ao longo do traxecto en puntos de reagrupamento ata completar a ruta, que rematará en Gondomar cun descanso e o tradicional sorteo de agasallos. Entre os premios destacan tres bicicletas, 60 cascos e 30 botellas reutilizables.
O evento contará cun dispositivo especial de seguridade coordinado polas policías locais, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico.
Dende a organización destacan que esta festa non só promove hábitos saudables e o uso da bicicleta, senón que tamén fortalece a convivencia e o espírito de comunidade no Val Miñor.
