Oia

Galicia Suroeste e Oia acollen a xornada “Galicia porta de entrada do eclipse” para promover o astroturismo

O vindeiro 5 de maio, o Centro Cultural de Torroña, na parroquia de Burgueira, será escenario da xornada “Galicia Porta de Entrada do Eclipse”, unha iniciativa organizada por Galicia Suroeste, o Concello de Oia e a Axencia de Turismo de Galicia.

A actividade ten como finalidade divulgar o recente Destino Starlight “Os Ceos de Fornelos de Montes e Oia – Galicia Suroeste”, poñendo en valor o potencial astronómico, ambiental e turístico da zona, así como preparar o territorio para o eclipse solar previsto o 12 de agosto.

A xornada está dirixida a profesionais do turismo, veciñanza, medios de comunicación e persoas interesadas na protección dos ceos nocturnos. Durante a sesión de mañá abordaranse contidos de astronomía básica sobre eclipses, técnicas de observación segura e fotografía, ademais dunha mesa redonda sobre as súas implicacións sociais.

Pola tarde, as persoas participantes poderán asistir a actividades prácticas de observación solar, fotografía e un simulacro de eclipse, guiadas por profesionais especializados.

A inscrición é de balde e pode realizarse a través da web de Galicia Suroeste. Ademais, a organización facilitará información sobre servizos de restauración na contorna.