Baiona

O Concello de Baiona mantén unha reunión informativa coas comisións de festas

O Concello de Baiona celebrou unha reunión informativa coas distintas comisións de festas co obxectivo de mellorar a organización das verbenas e celebracións tradicionais no municipio. Durante o encontro, fíxose entrega dunha guía práctica pensada para facilitar os trámites administrativos e reforzar as medidas de seguridade nestes eventos.

Na reunión participaron representantes das comisións da Virxe da Cela de Baredo, Santa Cristina da Ramallosa, Santa Mariña de Baíña e Santa Marta. Pola súa banda, o Departamento de Festexos do Concello explicou o marco legal vixente e resolveu dúbidas relacionadas coa delimitación de responsabilidades entre as distintas partes implicadas na organización das festas.

O Concello destacou a importancia desta iniciativa para garantir celebracións seguras e ben coordinadas, mantendo ao mesmo tempo a tradición e o carácter popular destas festas.