Baiona reorganiza o Concello para garantir a estabilidade mentres avanza a investigación contra o edil de Urbanismo
O alcalde de Baiona centrou a súa comparecencia deste xoves na situación xudicial que afecta ao concelleiro José Ángel Bahamonde, confirmando que a Fiscalía abriu unha investigación sobre un expediente de obra e sobre as posibles incompatibilidades do edil.
Segundo explicou, todo comezou o 20 de marzo, cando Bahamonde presentou no rexistro municipal unha nova declaración na que incluía posibles incompatibilidades. A partir dese momento, o goberno local solicitou informes á Secretaría o 26 de marzo e requiriu máis documentación ao concelleiro para analizar o caso.
O rexedor insistiu en que, ante esta situación, “sempre vai por diante a presunción de inocencia”, pero subliñou a necesidade de actuar con prudencia mentres a xustiza avanza. Neste sentido, anunciou unha reorganización das áreas de goberno, asumindo a Alcaldía as competencias de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda, que ata agora estaban en mans de Bahamonde.
O alcalde xustificou a decisión pola necesidade de “evitar presión” tanto sobre o propio concelleiro como sobre a súa contorna familiar e o funcionamento do departamento. Engadiu que tivo coñecemento da vinculación do edil coa empresa o pasado 20 de marzo, cando este presentou a nova declaración de incompatibilidades.
Pola súa banda, José Ángel Bahamonde defendeu a súa actuación, asegurando que nunca favoreceu a ningunha empresa e que actuou con imparcialidade. En relación coa súa participación como accionista da empresa Encaixa SL, recoñeceu que non a comunicara previamente ao considerar que non era necesario, xa que non existía ao inicio da lexislatura, e que tiña previsto facelo ao seu remate, aínda que decidiu notificalo antes tras o “revuelo social”.
O concelleiro tamén denunciou ataques persoais, como a aparición de panfletos e pintadas no seu domicilio, e afirmou que estes feitos están a afectar á súa vida familiar.
