Nigran

O alcalde de Nigrán dá a benvida ao alumnado de Manchester de intercambio co CEIP Humberto Juanes

O alcalde de Nigrán, Juan González, participou esta mañá na festa de benvida ao alumnado procedente de Manchester no CEIP Humberto Juanes, un centro educativo que cumpre 21 anos desenvolvendo un programa de intercambio co colexio Saint John’s, situado no distrito de Chorlton.

O rexedor entregou un agasallo institucional aos 27 estudantes británicos e aos seus tres profesores, aos que lles desexou unha feliz estancia no municipio. Ademais, destacou que, por vez primeira, esta semana coincidirán en Nigrán alumnos tamén procedentes de Manchester que participan en intercambios co CEIP Mallón e o CPI Arquitecto Palacios.

Juan González puxo en valor a relevancia destes programas educativos, subliñando que “o vínculo de Nigrán e Manchester é moi estreito grazas a estes intercambios tan activos e lonxevos”, e lembrou a intención do Concello de avanzar nun irmandamento oficial co distrito de Chorlton e, a longo prazo, coa cidade de Manchester. Neste contexto, recordou tamén a súa viaxe institucional á cidade inglesa hai dous anos, onde mantivo encontros con representantes políticos.

O CEIP Plurilingüe Humberto Juanes leva recibidos xa máis de 600 alumnos ingleses ao longo destas dúas décadas. O proxecto comezou como un intercambio epistolar entre estudantes de 5º e 6º de Primaria e evolucionou ata converterse nunha parte esencial da actividade educativa do centro, sendo un sinal de identidade compartido co colexio británico.

O alcalde destacou tamén o impacto cultural e social destas iniciativas, sinalando que “Nigrán é moi coñecido en Manchester grazas a estes intercambios, que permiten crear lazos de amizade duradeiros e fomentan a chegada de visitantes británicos cada verán”.