Baiona

A Deputación inaugura a humanización da praza Victoria Cadaval en Baiona cun investimento de 600.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na inauguración da renovada Praza Victoria Cadaval, no núcleo de Sabarís, en Baiona, tras unha actuación de humanización financiada integramente pola administración provincial cun investimento próximo aos 600.000 euros.

A intervención foi posible grazas á colaboración entre a Deputación e o Concello de Baiona, canalizada a través dos programas PON2030 e +Provincia. En total, destináronse 464.000 euros ao abeiro do primeiro plan e outros 116.000 euros para cubrir a achega municipal. Esta actuación enmárcase nun conxunto máis amplo de proxectos impulsados pola Deputación no municipio, que xa superan os 6 millóns de euros no actual mandato.

A reforma da praza centrouse na mellora da accesibilidade e da mobilidade peonil, coa creación de novas zonas verdes e a instalación de mobiliario urbano máis moderno e funcional. Ademais, renováronse e soterráronse as redes de abastecemento, saneamento e telecomunicacións, contribuíndo así a unha mellor integración estética e a unha maior calidade dos servizos.

Durante o acto, Luis López destacou o papel do alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, ao que atribuíu o éxito do proxecto, subliñando a súa capacidade de xestión e o seu compromiso coa colaboración institucional. O presidente provincial reafirmou tamén o apoio da Deputación a iniciativas que impulsen o desenvolvemento estratéxico tanto de Baiona como do conxunto da provincia.

López puxo en valor a presenza continua da Deputación na vila, tanto en eventos de proxección internacional como a Festa da Arribada ou etapas de competicións deportivas, como no apoio ao tecido económico e social. Segundo sinalou, a humanización da Praza Victoria Cadaval representa un novo paso na mellora da calidade de vida da veciñanza e na recuperación do atractivo urbano dunha das localidades máis emblemáticas das Rías Baixas.