Nigran

Nigrán externaliza o control das atraccións de festa para reforzar a seguridade

O Concello de Nigrán vén de sacar a licitación por 30.250 euros dun servizo externo para a verificación documental e inspección das atraccións mecánicas e inchables que se instalarán nas festas populares de 2026. O obxectivo é garantir a máxima seguridade das persoas usuarias e axilizar os trámites administrativos para as comisións festeiras.

Segundo explicou o alcalde, Juan González, trátase dunha tarefa “complexa e de gran responsabilidade” que supón unha carga de traballo inasumible co persoal municipal. Por iso, o Concello aposta por unha empresa especializada que poida realizar controis máis rigorosos e responder con maior rapidez ás solicitudes.

O servizo dividirase en dúas fases. Nunha primeira, revisarase a documentación técnica de cada atracción —incluíndo proxectos, seguros e certificados de inspección— e emitirase un informe de conformidade. Só aquelas que superen este proceso poderán instalarse. A segunda fase consistirá na inspección in situ, na que se comprobará a seguridade estrutural, a instalación eléctrica, os sistemas contra incendios e o correcto funcionamento dos dispositivos.

En caso de detectar deficiencias graves, impedirase a posta en marcha da atracción, mentres que as incidencias menores poderán ser corrixidas e revisadas de novo durante o evento.

O Concello estima que este ano se controlarán arredor de 52 atraccións nas sete festas do municipio, que se celebrarán entre xuño e setembro. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de maio para un contrato anual prorrogable.