Tomiño

Quiño, referente do socialismo local, despídese Tomiño

O Grupo Municipal Socialista de Tomiño expresou a súa fonda dor polo falecemento de “Quiño”, a quen cualifican como compañeiro, amigo e referente, destacando a súa traxectoria vital marcada pola lealdade, o compromiso e a defensa dos valores da xustiza social, a igualdade, a liberdade e a solidariedade. Na nota de prensa, os socialistas subliñan que foi nomeado presidente de honra da Agrupación Socialista de Tomiño, recoñecendo así unha vida enteira dedicada ao partido e ao servizo público.

O comunicado lembra que xa dende moi novo amosou un forte compromiso coa súa contorna, traballando de maneira altruísta para mellorar os camiños e a vida da veciñanza. A súa etapa como emigrante non rompeu o vínculo coa súa vila, que levou sempre no pensamento e no corazón. Ao seu regreso, desenvolveu unha destacada labor institucional como concelleiro na Corporación Municipal e como presidente da CMVMC de Tomiño, desde onde loitou de forma incansable polo benestar e o progreso do municipio.

O Partido Socialista sinala que a súa perda supón a marcha dunha parte importante da historia local e recoñece que “Todo Tomiño lle debe moito”. Así mesmo, comprométese a continuar o seu legado e a seguir traballando polos ideais que guiaron a súa vida. A nota conclúe cunha emotiva despedida, asegurando que permanecerá sempre na memoria colectiva: “Aperta eterna, Quiño. Que a terra che sexa leve”.