Baiona

O Concello de Baiona presenta a primeira edición de “Baiona Mariñeira”

O 27 de setembro, a Alameda de Baiona converterase no epicentro dunha xornada cultural aberta e gratuíta coa celebración da primeira edición de “Baiona Mariñeira”, un evento que rende homenaxe á tradición mariñeira da vila.

A iniciativa, organizada polo Concello de Baiona co respaldo do proxecto europeo FISATUR e enmarcada dentro da Trade Navigation Tour, combinará mesas redondas, showcooking, visitas guiadas, exposicións e actividades participativas. O obxectivo é dobre: por unha banda, poñer en valor o legado mariñeiro de Baiona e, por outra, abrir camiño ao emprendemento azul que promove o proxecto europeo.

Programa para toda a comunidade

“Baiona Mariñeira” está deseñado para veciños, familias, escolares e visitantes, e busca consolidarse como unha cita de referencia no calendario cultural local. Entre as propostas destacan:

  • Mesas redondas arredor do mar e o seu impacto social e económico.
  • Un showcooking con degustación de produtos mariños.
  • Visitas guiadas e experiencias inmersivas para coñecer a historia da vila.
  • Exposicións e actividades educativas de carácter divulgativo.

Concurso “O Mar nas Mans”

No marco do evento celebrarase o concurso creativo “O Mar nas Mans”, aberto a persoas de todas as idades a partir dos 8 anos. Os participantes deberán presentar maquetas que representen a relación ancestral da comunidade co mar e cos oficios mariñeiros.

As obras seleccionadas exhibiranse ao longo da xornada e o proxecto gañador será premiado cunha experiencia de pescaturismo en Baiona-Monteferro, unha inmersión auténtica nas tradicións marítimas locais.