Gondomar

Gondomar impulsa charlas de ciberseguridade para persoas maiores

O Concello de Gondomar pon en marcha un ciclo de charlas prácticas de ciberseguridade dirixidas ás persoas maiores, nas que se presentarán exemplos reais de estafas recentes e se achegarán consellos sinxelos para recoñecer situacións de risco e saber como actuar ante posibles enganos. O obxectivo principal é ofrecer ferramentas útiles que axuden á veciñanza de máis idade a sentirse segura á hora de usar o móbil, o ordenador ou mesmo cando reciben unha chamada sospeitosa.

Con motivo desta iniciativa, o alcalde Paco Ferreira recibiu no Concello ao coronel Manuel Touceda Soto, xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, e ao capitán Rafael Antonio Pereira López, xefe da Compañía de Vigo, quen serán os encargados de impartir estas sesións formativas. Na recepción participou tamén a concelleira e tenente de alcalde Nuria Lameiro.