A Deputación destina máis de 130.000 € á mellora das estradas de Baíña (Baiona) e Gondomar
A Deputación de Pontevedra investirá máis de 130.000 euros na mellora de dúas estradas provinciais que atravesan os concellos de Baiona e Gondomar, dentro do novo plan de conservación de firmes, dotado con máis de 4,4 millóns de euros para o conxunto da provincia.
No caso de Baiona, os traballos realizaranse na EP-2201 Baiona-Baíña-As Fontes, unha vía esencial que comunica o centro urbano coa parroquia de Baíña.
En Gondomar, as obras acometeranse na EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada, que conecta o núcleo da vila con zonas do rural como Vilaza e Parada.
Nas dúas estradas levaranse a cabo actuacións como o fresado do firme, reposición da capa de rodadura ou aplicación de microaglomerado en frío, así como recrecido de pozos, instalación de tubos, sinalización horizontal e traballos de saneo e escavación, segundo sexa preciso en cada tramo.
O presidente da Deputación, Luis López, salientou que estas intervencións buscan mellorar a seguridade viaria e garantir o bo estado dos máis de 1.700 km de vías provinciais: “Seguimos sumando recursos para vertebrar o territorio e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, indicou.
