Baiona

A Doca de Baiona será renovada cun investimento de máis de 400.000 euros da Xunta e a Fundación Sabadell.

O peirao da Doca de Baiona será mellorado e lucirá unha nova imaxe grazas a un acordo asinado esta semana entre Portos de Galicia, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell. A actuación contará cun investimento total de 422.750 euros, dos cales a maior parte será achegada pola Xunta de Galicia (332.750 €), mentres que a Fundación Sabadell colaborará con 90.000 euros para a creación artística.

A intervención incluirá o saneamento e reforzo da estrutura do peirao, así como a retirada da antiga plataforma da explanada. Pero a gran novidade será o pintado artístico da Doca, que correrá a cargo dun artista local de recoñecido prestixio, que será seleccionado polo Concello de Baiona a través dun proxecto participativo no que tomarán parte os centros escolares, asociacións culturais e veciñais.

O obxectivo é implicar á veciñanza no deseño dun espazo que combine tradición mariñeira, identidade local e creatividade, convertendo a Doca nun punto de interese cultural e turístico para Baiona.

O alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, agradeceu a colaboración das entidades implicadas e destacou que esta actuación “non só suporá unha mellora estrutural necesaria, senón tamén unha oportunidade para poñer en valor o noso patrimonio e talento local”.

Desde Portos de Galicia, o seu presidente José Antonio Álvarez subliñou que proxectos coma este buscan facer dos portos “espazos útiles e fermosos para toda a veciñanza, sen perder a súa esencia produtiva”.

A obra está previsto que comece nos próximos meses, unha vez rematados os trámites administrativos.