Gondomar

A Xunta avala os novos símbolos heráldicos da entidade local menor de Morgadáns

A parroquia de Santiago de Morgadáns, no concello de Gondomar, conta xa oficialmente con escudo e bandeira propios tras recibir o visto e prace da Xunta de Galicia. A decisión foi adoptada pola Comisión de Heráldica da Dirección Xeral de Administración Local, presidida por Natalia Prieto, e culmina un proceso que comezou hai seis anos da man do alcalde pedáneo, Alfonso Misa.

O novo escudo de Morgadáns remata en pico, simbolizando o monte Galiñeiro, unha das principais elevacións da parroquia e referente xeográfico da zona. No seu interior represéntanse dous cabalos, en alusión aos tradicionais curros que se celebran na contorna, e tres mananciais, que dan orixe ao río Miñor, o máis importante da comarca. A composición tamén incorpora referencias ao pasado canteiro da parroquia.

Con esta aprobación, Morgadáns consolida a súa identidade simbólica como entidade local menor, recoñecida desde o 7 de agosto de 1932, aínda que as súas funcións foron suspendidas durante a Guerra Civil e non se retomaron ata 1955. A entidade ten a súa sede no lugar de A Pedra e unha das súas principais competencias é a xestión forestal, destacando os montes Galiñeiro e Caldeirón.

A parroquia conta cunha superficie de 1.530 hectáreas e unha poboación de 1.158 veciños, distribuídos en vinte e dous lugares, entre eles A Abelosa, Prado, San Roque, Xende ou O Picouso. No Antigo Réxime pertenceu á xurisdición real de Baiona, e mesmo funcionou como concello propio durante os primeiros períodos liberais, ata que en 1836 foi definitivamente incorporado ao concello de Gondomar.