Unha comisión contra vento e marea: Panxón homenaxea ao equipo humano que fixo posible unhas festas históricas
Poucas veces unha comisión de festas tivo que facer fronte a tantas dificultades como a deste ano en Panxón. E poucas veces, tamén, mereceu tanto recoñecemento. Por iso, ao rematar as festas de San Xoán e da Virxe do Carme 2025, o pobo enteiro quere render unha sincera homenaxe a todas as persoas que fixeron posible, contra vento e marea, a celebración desta cita única no Val Miñor.
Desde o mes de marzo, veciñas e veciños voluntarios entregáronse sen descanso a unha causa que non é só festiva, senón cultural, social e profundamente identitaria. Enfrontáronse a unha burocracia cada vez máis esixente, especialmente no que atinxe á montaxe das atraccións, obrigadas a cumprir unha normativa complexa que puxo en risco a súa instalación ata o último momento.
Non foi o único reto. Recolle-lo diñeiro casa por casa, ás veces ata cinco veces, converteuse nun traballo titánico. Cada ano son menos os que colaboran e máis os que miran para outro lado. A pesar diso, a comisión non se rendeu. Tampouco cando tiveron que mediar con feriantes, xestionar atrasos ou buscar solucións improvisadas ante cada novo problema que xurdía.
O momento máis amargo foi, sen dúbida, a decisión do párroco de non permitir a saída da Virxe do Carme, a pesar de que só caía unha leve chuvia. A procesión, unha das máis emocionantes da costa galega, quedou no templo. A comisión, con exemplaridade, aceptou en silencio a decisión, pero a decepción foi evidente en todo Panxón.
E aínda así, a festa saíu adiante. Cun programa variado, cheo de música, tradición e alegría para todos os públicos. Porque detrás houbo un equipo humano que traballou día e noite, sen descanso, sen soldo e sen outro interese que manter viva a alma do seu pobo.
Desde aquí, o noso aplauso. A Comisión de Festas de Panxón 2025 merece todo o respecto, o recoñecemento e a gratitude do Val Miñor. Porque Panxón celebrou as súas festas. E celebrouas grazas a eles.