Baiona renova o selo de calidade turística SICTED en 36 empresas e servizos locais
Un total de 36 entidades e servizos turísticos de Baiona recibirán nas vindeiras semanas o distintivo oficial do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) para o ano 2025, logo de superar con éxito o Comité de Distinción celebrado en xuño.
A Secretaría de Estado de Turismo vén de comunicar ao Departamento de Turismo do Concello de Baiona a aprobación das renovacións solicitadas, recoñecendo así o compromiso destas empresas coa calidade e a mellora continua da atención ao visitante.
Entre as entidades distinguidas atópanse praias, establecementos hostaleiros, comercios, servizos municipais e negocios locais. Estes son:
Monte Real Club de Iates de Baiona, Parador de Baiona, Óptica Baiona, Hotel Anunciada, Estación de Servizo Monte Real, Policía Local de Baiona, Praia Ribeira, Praia Santa Marta, Praia Ladeira, Praia Barbeira, Praia de Frades, Praia Concheira, Le Sept, Recuncho Mariñeiro, Xamonería Jaqueyvi, Luna Baiona, Hotel Rompeolas, Xoiería Tula, Casa do Marqués, Apartamentos Ría de Baiona, Hotel Arce, Ronseis, A Pedalería, Salón de Peiteado Belmer, Restaurante Pedro Madruga, Ababides, Benestar Baiona S.L., Fisioterapia Val Miñor, Café Bar A Chave, Hotel Tres Carabelas, Viaxes Val Miñor, Bibendum, Mesón Xamonería Fidalgo, Casa da Navegación, Queimada Gastrobar e a Oficina de Turismo de Baiona.
A concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, salientou que este tipo de recoñecementos “contribúe a que os visitantes teñan unha experiencia positiva, repitan a súa estancia e recomenden a nosa vila a outras persoas”. Ademais, destacou que “a aposta pola calidade turística convértese nun factor diferencial que pode facer que Baiona sexa elixida fronte a outros destinos similares”.