A Deputación destina máis de 240.000 € aos servizos sociais de Gondomar, Nigrán e Baiona
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega global de máis de 240.000 euros para os concellos do Val Miñor no marco do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, destinado a municipios de menos de 20.000 habitantes.
En concreto, Gondomar recibirá 71.597 €, Nigrán 102.423 € e Baiona 66.329 €. Estes fondos permitirán sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) —cun total de 1,2 millóns de euros distribuídos por toda a provincia— e cubrir os custos do persoal técnico dos servizos sociais municipais, para os que se destinan 1,8 millóns.
O presidente provincial, Luis López, destacou que o obxectivo é garantir o benestar da veciñanza e apoiar ás persoas que máis o precisan: “É o noso deber estar ao carón das persoas máis vulnerables, porque só así garantimos o futuro e a cohesión social da provincia”.