Nigran

“Non sabemos quen é o millonario, agora non soe achegarse, pero estamos moi contentas igual”

A Administración de Loterías París de Nigrán vive estas horas cunha grande alegría tras repartir un premio de 1 millón de euros no sorteo de Euromillones correspondente ao Martes 6 de maio. O boleto premiado foi validado neste despacho situado na rúa Rosalía de Castro, o que supón un novo fito para este establecemento histórico do Val Miñor.

As loteras confesan que descoñecen quen é a persoa agraciada. “Antes era máis común que os gañadores viñeran dar as grazas ou compartiren a súa sorte, pero agora xa non se sabe”, explican, aínda que aseguran que “a ilusión é a mesma”.

A administración xa acumula unha importante traxectoria repartindo fortuna. Entre os premios máis destacados, lembran un da Bonoloto de máis de dous millóns de euros e un segundo premio da Lotería de Nadal entregado hai dous anos. “Levamos tempo alegrándolle o día a moita xente”, sinalan con orgullo.

Segundo relatan, cando os premios son pequenos, algunhas persoas adoitan levarlles un detalle, pero cando a sorte trae millóns, “non adoitan dar sinais de vida”. Aínda así, aseguran que están encantadas de seguir sendo un lugar de referencia para quen confía na sorte.

“Estamos moi contentas e oxalá sigamos repartindo moitos máis premios en Nigrán”, conclúen.