Baiona

O PSOE de Baiona forza un pleno extraordinario e convoca unha charla hoxe no Paseo Pinzón pola ampliación do porto deportivo

O proxecto de ampliación do porto deportivo de Baiona, promovido pola concesionaria Nauplia Capital, volve ao primeiro plano da actualidade política local. A previsión de executar un recheo de 4.200 metros cadrados para aumentar en máis dun 77% a superficie da marina levou ao grupo municipal do PSOE a solicitar formalmente a celebración dun pleno extraordinario, co obxectivo de que a Corporación se posicione sobre a intervención.

A sesión, confirmada polo goberno local para a vindeira semana, chega case un mes despois de que se fixesen públicos os plans da empresa concesionaria, que inclúen a construción dun edificio de planta baixa con usos náuticos e hostaleiros, así como a ampliación e apertura ao público do aparcadoiro, que pasará a contar con 220 prazas.

Como parte da súa campaña de información e mobilización, o PSOE organiza tamén unha charla pública esta tarde, ás 19.30 horas no Paseo Pinzón, centrada nas implicacións ambientais, sociais e urbanísticas do proxecto. A actuación, cuxo orixe se remonta ao ano 2003, será analizada á luz do contexto actual, marcado pola presión turística, a perda de area en praias próximas e o cambio das condicións ambientais da baía.