Nigran

O PP de Nigrán critica as condicións laborais dos 16 peóns contratados a través do Plan +Provincia

O Partido Popular de Nigrán denunciou este martes as condicións nas que comezaron a traballar os 16 peóns contratados polo Concello de Nigrán ao abeiro do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Segundo explican, os traballadores incorporáronse o pasado 5 de maio sen contar co equipamento axeitado para realizar as súas tarefas.

O plan provincial permitiu ao Concello recibir 214.693 euros para a contratación de 17 persoas con distintos perfís: 14 peóns desbrozadores, 2 peóns forestais e 1 conserxe. Porén, segundo os populares, a maioría deles carecen de vestiario e calzado adecuados, polo que estarían a desenvolver a súa actividade coas súas propias roupas, unha situación que, din, supón un risco para a súa integridade física.

Desde o PP cualifican esta situación como un “novo episodio de improvisación e deixadez” por parte do goberno local, e reclaman medidas urxentes para resolver o problema. Ademais, solicitan ao alcalde Juan González que se desculpe cos traballadores afectados.

O grupo da oposición pide ao executivo municipal que “abandone a política de anuncios e posados” e se centre en garantir unha xestión eficaz, especialmente en cuestións que afectan directamente á seguridade laboral.