Nigran

O concello de Nigrán inicia a rehabilitación integral da fonte do Pereiro en Camos

O Concello de Nigrán vén de iniciar esta semana as obras de rehabilitación da fonte do Pereiro, situada no barrio de As Pedras, na Rúa dos Pazos (Camos), cun investimento de 33.000 € procedentes do remanente de tesouraría municipal. A actuación, que estará rematada a finais de mes e será executada pola empresa Construcciones Castro, forma parte do plan do goberno local para recuperar e poñer en valor fontes e lavadoiros de interese patrimonial e etnográfico.

O manancial, moi empregado pola veciñanza, atópase a unha cota moi inferior á estrada e presentaba unha imaxe deteriorada e desvirtuada por engadidos de formigón. A intervención contempla a substitución dos peldaños actuais por outros de pedra, o cambio da varanda por unha de aceiro inoxidable mate, a reconstrución do muro frontal en pedra de cachotaría e o revestimento do muro lateral. Tamén se renovará a base e fronte da fonte, empregando pedra con proporcións que harmonicen o conxunto. A maiores, limparase a vexetación da contorna e instalarase iluminación ornamental de baixo consumo.

“Será unha rehabilitación integral para outorgarlle o valor que merece, como xa fixemos noutros lavadoiros e fontes e seguiremos facendo”, destacou o alcalde de Nigrán, Juan González. O rexedor lembrou que nos últimos oito anos o Concello leva investidos preto de 200.000 € na mellora destas infraestruturas tradicionais, sempre que sexan de titularidade municipal, co obxectivo de recuperar o seu valor histórico e estético.