Últimas Noticias

Gondomar, Nigrán, Baiona e Oía reciben máis de 50.000 euros das axudas básicas de emerxencia da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova achega económica para apoiar ás persoas en situación ou risco de exclusión social. No caso da comarca do Val Miñor e do concello de Oía, o investimento supera os 50.000 euros, que permitirán cubrir necesidades básicas de emerxencia en Gondomar, Nigrán, Baiona e Oía.

Gondomar e Mos son os dous concellos da contorna que reciben a contía máxima, con 14.050 euros cada un. A continuación sitúanse Nigrán e Baiona, con 13.800 e 12.800 euros respectivamente, mentres que Oía percibirá 9.300 euros. Os fondos destinaranse a sufragar gastos correntes como alimentación, vivenda ou subministracións, así como pequenos investimentos para mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables.

Esta liña de axudas, enmarcada nas Axudas Básicas de Emerxencia, forma parte do compromiso do goberno provincial coa igualdade de oportunidades e a atención social nos municipios de menos de 20.000 habitantes. En total, a Deputación repartirá este ano 615.000 euros entre 51 concellos da provincia.