Nigrán reformará a antiga casa consistorial cun investimento de 872.000 € cofinanciado pola deputación
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Nigrán, Juan González, asinaron este martes no Pazo provincial o convenio para financiar a reforma interior e mellora da eficiencia enerxética da antiga casa consistorial do municipio. A actuación conta cun orzamento total de 871.900 euros, dos cales a Deputación achega o 75 % (653.900 €) a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra.
A obra permitirá reformar as plantas primeira e segunda do antigo consistorio, cunha redistribución espacial que mellorará a accesibilidade, a habitabilidade e a eficiencia enerxética do edificio, incluíndo o illamento das fachadas, a substitución da carpintería exterior e a renovación de chans, teitos e instalacións.
Esta actuación súmase á ampla colaboración entre a Deputación e o Concello de Nigrán, que este ano superará os 2 millóns de euros en investimentos a través de programas como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.