Nigran

O Concello de Nigrán conecta mediante unha estrada os barrios de As Rozadas (Chandebrito) e O Sobral (Camos).

O Concello de Nigrán deu un paso histórico coa apertura dun novo vial asfaltado que conecta os barrios de As Rozadas (Chandebrito) e O Sobral (Camos), atravesando o parque forestal ‘Os Matos-Río Taboas’. A antiga pista de terra, ata o de agora impracticable para vehículos, foi acondicionada co dobre obxectivo de garantir unha vía de emerxencia en caso de lumes forestais e ofrecer un novo atallo para a veciñanza, reducindo de xeito drástico os tempos de desprazamento entre ambas zonas.

“O que fixemos é moito máis que asfaltar un camiño: é conectar ás persoas. Estes barrios, que antes estaban separados por un rodeo quilométrico, están agora a menos de dous quilómetros por estrada”, salientou o alcalde de Nigrán, Juan González. O rexedor destacou tamén a importancia estratéxica desta intervención: “En caso de incendio, a chegada de bombeiros ou ambulancias pode marcar a diferenza. Esta vía é agora unha garantía para a seguridade”.

O novo vial supón un fito histórico para a parroquia de Chandebrito e a de Camos, que por primeira vez contan cunha conexión directa entre barrios. Ademais, facilitará os desprazamentos da veciñanza de As Rozadas cara o núcleo urbano de Nigrán, sen depender exclusivamente da estrada de San Roque a Chandebrito.