O vandalismo golpea o patrimonio de Baiona: danada a escultura ‘Entre dous mundos’.
O patrimonio cultural de Baiona volve verse danado nun acto de vandalismo. Esta vez foi o monumento «Entre dous mundos»,un dos conxuntos escultóricos máis destacado da vila, o que sufriu a acción incívica: unha pintada con spray sobre a esfera central da obra rompeu a harmonía da escultura e provocou un fondo malestar entre veciñanza e institucións.
A Policía Local e a Garda Civil investigan os feitos co obxectivo de identificar o autor ou autores do ataque. O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, cualificou o sucedido como “unha barbaridade”, e manifestou a súa indignación ante este atentado contra un dos principais símbolos culturais da vila.
O monumento, situado nun emprazamento privilexiado, é obra do escultor Xosé Cid e representa o encontro entre dous mundos tras a chegada da Carabela Pinta ao porto de Baiona en 1493. A súa forza simbólica e o valor artístico fan deste espazo un lugar moi apreciado polos veciños e visitantes.
Desde o Concello non descartan emprender accións legais e lembran que este tipo de actos constitúen unha infracción grave que será sancionada conforme á normativa vixente. Ao tempo, fan un chamamento á cidadanía para preservar e respectar o patrimonio común.