BaionaOia

O antigo faro de Cabo Silleiro convértese nun hotel boutique para acoller o auxe do camiño portugués pola costa.

O novo establecemento, situado no antigo faro, abrirá o luns 14 de abril e xa conta cunha ocupación completa para Semana Santa

O Camiño Portugués da Costa continúa a consolidarse como un dos principais destinos turísticos de Galicia coa incorporación de novos servizos pensados para un público cada vez máis amplo e esixente. Un exemplo é a apertura do Hotel Boutique Cabo Silleiro, en Baiona, prevista para o vindeiro luns 14 de abril, e que xa conta cunha ocupación completa para Semana Santa.

O novo establecemento está situado nas instalacións rehabilitadas do antigo Faro de Cabo Silleiro, nunha parcela de 2.581 metros cadrados con vistas privilexiadas ao mar. Promovido pola empresa Lighthouse Baiona, o proxecto transformou o faro nun espazo hostaleiro de referencia que contará con 17 habitacións exteriores, piscina, ximnasio, vestiarios e terraza.

A actuación enmárcase nun proceso iniciado en 2021 coa concesión administrativa por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, por un período de 35 anos. Tras a obtención da licenza municipal do Concello de Baiona, as obras deron comezo en febreiro de 2024, baixo a dirección do arquitecto vigués Pedro da Puente e coa execución da construtora Di Milano.

Durante unha visita recente ás instalacións, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou o impacto positivo deste tipo de iniciativas no desenvolvemento económico e turístico da contorna, especialmente nunha ruta xacobea como o Camiño da Costa, que en 2024 rexistrou máis de 75.000 peregrinos, un 40% máis que o ano anterior.

A apertura do Hotel Boutique Cabo Silleiro supón un paso máis na posta en valor do patrimonio marítimo galego, ao tempo que fortalece a oferta de aloxamento de calidade nun dos tramos con maior proxección do Camiño de Santiago.