Nigran

A Deputación investirá preto de 189.000 euros na reforma da cuberta do pavillón de Panxón en Nigrán.

A Deputación de Pontevedra dará luz verde este venres a unha achega de preto de 189.000 euros para a reforma da cuberta do pavillón de Panxón, en Nigrán. Así o anunciou o deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña durante a súa visita ás instalacións, acompañado polo alcalde do municipio, Juan González.

Esta actuación enmárcase no II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con oito millóns de euros —o dobre que na súa primeira edición—, e co que a Deputación busca modernizar e mellorar as instalacións deportivas da provincia. Nigrán será un dos concellos máis beneficiados, recibindo este ano un 72% máis de fondos que na edición anterior, cando obtivo 109.000 euros para a construción dunha pista de pumptrack e outra de surfskate.

As obras no pavillón centraránse en solucionar os problemas de filtracións de auga, substituíndo os paneis actuais por outros con maior illamento e durabilidade. Tamén se renovarán os puntos de encontro das estruturas para garantir un selado máis eficaz, así como os caleiros e baixantes.

“Hoxe demostramos con feitos tanxibles que este é un goberno que aposta polo deporte e polo municipalismo”, afirmou Almuíña, quen destacou o “grande esforzo económico” da Deputación para poñer os equipamentos deportivos dos concellos “nas mellores condicións posibles”.

Con esta actuación, a Deputación reafirma o seu compromiso coa transformación da provincia nun referente deportivo, reforzando a dotación e o mantemento das instalacións municipais.