Baiona

O Erizana CF presenta oficialmente o seu XIII Torneo de Fútbol 8, referente do fútbol base galego.

O campo municipal de Aral Fontiñas acolleu este martes, 8 de abril, a presentación oficial do XIII Torneo de Fútbol 8 organizado polo Erizana CF, unha das citas máis destacadas do calendario deportivo galego, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de abril de 2025 no campo de fútbol de Val de Martín, en Baiona.

No acto participaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, a concelleira de Deportes, Ana Iglesias, o tenente de alcalde, Policarpo Vilar, membros da directiva do Erizana CF e unha ampla representación dos nenos e nenas que forman parte do club.

Durante a presentación, descubriuse o cartel oficial do torneo e detallouse a dimensión do evento, que reunirá arredor de 1.000 xogadores pertencentes a decenas de clubs de distintos puntos de Galicia. O torneo desenvolverase nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín, promovendo a participación, a igualdade de oportunidades e os valores da formación deportiva desde as primeiras etapas.

O Torneo F8 do Erizana consolidouse ao longo dos anos como un referente do fútbol base, tanto pola súa impecable organización como polo seu carácter familiar e lúdico. Durante tres días, o campo de Val de Martín converterase nun espazo de convivencia e deporte, con partidos, actividades paralelas, zonas para as familias, espazos de lecer e restauración, e moitos momentos para lembrar.

O club realizou un esforzo especial nas últimas semanas para mellorar as instalacións do campo de Val de Martín, co obxectivo de ofrecer as mellores condicións posibles para acoller esta festa do fútbol base galego.