Nigran

A Policía Local de Nigrán homenaxea a Víctor Fernando Lomba no quinto aniversario do seu falecemento.

A Policía Local de Nigrán rendeu este martes unha emotiva homenaxe ao seu compañeiro Víctor Fernando Lomba González, con motivo do quinto aniversario do seu pasamento. O acto tivo lugar fronte ao monólito dedicado á súa memoria, situado na entrada da Xefatura, onde se lle realizou unha ofrenda floral.

No encontro participaron membros do corpo policial, persoal do Concello e representantes da corporación municipal, que quixeron lembrar a figura dun axente moi querido tanto polos seus compañeiros como pola veciñanza.

Lomba incorporárase á Policía Local en 1998 como parte da IX promoción, e desenvolveu máis de vinte anos de servizo en Nigrán. Faleceu o 8 de marzo de 2020 aos 53 anos de idade por causas naturais, deixando tras de si un recordo fondamente arraigado na comunidade.

A súa profesionalidade, humanidade e dedicación seguen sendo unha inspiración para o corpo policial e para todos os que o coñeceron.