Últimas Noticias

A solidariedade do Val Miñor tradúcese en máis de 3.670 quilos recollidos para o banco de alimentos

A comarca do Val Miñor volveu amosar a súa cara máis solidaria ao recoller máis de 3.670 quilos de alimentos durante a campaña Zampakilos Solidario, promovida por Vegalsa-Eroski en colaboración coa Fundación Provincial Banco de Alimentos. A acción desenvolveuse os días 14 e 15 de marzo en supermercados da cadea en toda a provincia, cunha participación destacada na zona miñorá.

En concreto, arredor de 50 voluntari@s da “marea azul” colaboraron na recollida nos establecementos de Baiona (Eroski Center) e Nigrán (hipermercado do Centro Comercial Nasas).

Tamén se implicaron activamente usuarios e usuarias da Fundación Menela e do Centro Juan María, reforzando así a dimensión social e integradora da campaña.

A nivel provincial, superáronse os 60.000 quilos de produtos de primeira necesidade, entre as doazóns físicas, as contribucións económicas dos clientes ao pasar pola caixa e a achega da propia empresa distribuidora.

José Ramón Santamaría, presidente da Fundación, agradeceu a implicación da cidadanía e destacou que esta cifra “permite abastecer os almacéns de Vigo e Pontevedra e continuar apoiando ás persoas máis vulnerables”. No Val Miñor, máis de 400 persoas son atendidas a través de nove entidades sociais, entre elas Cáritas de varias parroquias, o Convento Dominicas de Baiona e a Asociación Axuda ao Necesitado.

Durante o ano 2024, a Fundación repartiu preto de 1,4 millóns de quilos de alimentos en toda a provincia, chegando a 20.000 persoas grazas á colaboración con 153 entidades sociais.