Nigran

Nigrán inaugura ‘A Peregrina’, a escultura de José Molares en homenaxe aos peregrinos

Nigrán inaugurou este venres ‘A Peregrina’, a nova escultura do artista José Molares instalada na Alameda de San Campio, na Ramallosa. O acto contou coa presenza do alcalde de Nigrán e de numerosos representantes da sociedade local, entre eles membros do tecido empresarial, así como veciños e veciñas que quixeron acompañar a presentación da obra.

A escultura, realizada en bronce, representa a figura dunha peregrina e nace como unha homenaxe ás persoas que percorren o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio. A peza, de 2,30 metros de alto por 1,30 metros de ancho, está situada nun punto estratéxico da Ramallosa, por onde pasan cada ano numerosos peregrinos.

Durante a presentación, o alcalde puxo en valor a importancia e a trascendencia do Camiño de Santiago pola costa para Nigrán, así como o elevado número de peregrinos que atravesan este punto do municipio ao longo do ano. O rexedor destacou que ‘A Peregrina’ converterase nun novo símbolo de acollida e permitirá que as persoas que realizan esta ruta poidan levar consigo un grato recordo do seu paso por Nigrán.

Con esta nova obra, o municipio incorpora ao seu patrimonio urbano unha peza vinculada á tradición xacobea e á experiencia dos milleiros de peregrinos que cada ano percorren Nigrán.