Vigo

Vigo acolle o 11 de decembro a première de “Rondallas”, a nova película rodada no sur de Pontevedra

A película Rondallas, rodada en diversos escenarios do sur da provincia de Pontevedra, inicia a súa carreira cara ás salas comerciais cunha gran première en Vigo. O evento terá lugar o xoves 11 de decembro nos Cines Tamberlick, servindo como antesala á chegada do filme aos cines o 1 de xaneiro.

A celebración comezará ás 19.00 h na Praza Elíptica, onde a Rondalla Gran Sol, a mesma que aparece na película, ofrecerá unha actuación especial. Media hora máis tarde darase inicio ao photocall, no que se espera a presenza do director, Daniel Sánchez Arévalo, do produtor, Ramón Campos, e de destacados intérpretes como Javier Gutiérrez, María Vázquez, Judith Fernández, Tamar Novas, Carlos Blanco, Fer Fraga e Xosé A. Touriñán, entre outros.

O filme, rodado en Vigo, A Guarda e distintos puntos do Baixo Miño, narra a historia dun municipio marcado pola traxedia tras o afundimento dun barco no caladoiro do Gran Sol hai dous anos, accidente que custou a vida a varios mariñeiros da zona. A dor colectiva leva á veciñanza a buscar unha maneira de recuperar o ánimo, xurdindo a idea de crear unha rondalla, unha agrupación musical tradicional navideña aberta a persoas de todas as idades e con ou sen formación musical, moi arraigada no sur de Pontevedra.