BaionaGondomarNigranOia

Un estudo revela os apelidos máis comúns do Val Miñor: Rodríguez e González dominan, pero tamén hai apelidos distintivos como Leyenda, Comesaña ou Salgueiro

Todos nos lembramos dos apelidos dos nosos compañeiros de clase e daquelas listas de asistencia que facían sorrir aos mestres cando algún apelido era difícil ou peculiar. Pois, agora un estudo sobre os apelidos do Val Miñor permite comprobar que moitos deles seguen moi presentes na nosa vida cotiá.

O apelido Rodríguez segue a ser o máis repetido no Val Miñor, aínda que cada concello conserva apelidos propios que falan da súa historia e identidade. En Baiona, 1.350 veciños levan Rodríguez como primeiro ou segundo apelido, seguido de González (1.281) e Fernández (982). Porén, o municipio destaca por apelidos moi locais como Leyenda, que ocupa o oitavo posto con 367 persoas, ou os tradicionais Carneiro e Barreiro, ambos con 252 veciños. Tamén aparecen con forza Vilar, Silva, Durán e Marcote, outro apelido moi baionés que figura no posto 24 con 184 persoas.

En Nigrán, o dominio é para Fernández, con 1.767 persoas, seguido de González (1.575) e Rodríguez (1.552). Entre os máis característicos do municipio están Rial, no posto 14 con 424 veciños, e Sanromán, no 17 con 343, ademais de Comesaña, Figueroa, Villar ou Estévez.

En Gondomar, tamén é Rodríguez o apelido máis frecuente, con 1.746 persoas, seguido de González (1.681) e Fernández (1.516 entre primeiro e segundo apelido). Mais o municipio conserva apelidos moi propios, como Salgueiro (posto 12, con 344 casos), Otero, Figueroa e Quintas, que completan a lista dos máis representativos.

En Oia, os máis comúns son González (441), Álvarez (386) e Fernández (346), pero tamén destacan apelidos moi ligados á súa historia mariñeira como Mariño, Miniño, Treinta ou Pombal.