Tres lendas do Celta reúnense na Ramallosa para celebrar a súa amizade e o vencello co Val Miñor.
Na terraza da Tiradiña, na Ramallosa, a choiva deste martes non foi quen de borrar os sorrisos de tres lendas do celtismo que se deron cita para compartir café, cervexas e moitas lembranzas. Javier Maté, Vicente Álvarez e Jorge Otero volveron reunirse no Val Miñor, como adoitan facer, para seguir alimentando unha amizade forxada nos vestiarios de Balaídos e consolidada coa complicidade que só os anos dan.
Durante a conversa que puidemos manter con eles, falaron con retranca e honestidade sobre o fútbol, a vida e algunhas das “rumoroloxías” que rodean aos porteiros. “Maté era un tolo bo”, dicía entre risas Jorge Otero, mentres engadía que houbo outro do que “non podemos despejar incógnitas”, pero que tiña “máis maldade”. Vicente, pola súa banda, foi lembrado como un capitán serio e con carácter, capaz de poñer a todos no seu sitio, mentres que de Jorge Otero destacaron a súa brillante traxectoria, tanto no Celta como na selección española.
Moi sorrintes e cunha Estrella Galicia na man, bromeaban sobre o trato recibido: “Como se nota que es de aquí”, soltáballe Maté a Otero, entre risas, celebrando a hospitalidade miñorana. Os máis novos pasaban sen recoñecelos, pero os maiores si os identificaban e non perdían a ocasión de achegarse, falar con eles e agradecerlles tanto fútbol e tantas emocións vividas.
Para estes tres vellos compañeiros, as bicicletas son só a escusa. O verdadeiro motor destas xuntanzas é a amizade, a memoria compartida e o gusto de percorrer xuntos un territorio que se presta, como poucos, á conversa tranquila e ao reencontro. E o Val Miñor, da man de Jorge Otero, é sempre o mellor lugar para facelo.