Tras a reunión con Jesús Vázquez Almuíña, Caballero asegura que Vigo nunca deixará sen auga a Baiona.
Baiona atópase nunha situación delicada en relación ao abastecemento de auga potable, con reservas que apenas garantirían o servizo durante algúns días, segundo advertiu este xoves o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras reunirse co rexedor baionés Jesús Vázquez Almuíña para analizar o problema.
Caballero explicou en rolda de prensa que o encoro de Eiras, do que se abastece Vigo e parte da área metropolitana, está ao 47,7% da súa capacidade, e que grazas á potabilizadora construída polo Concello de Vigo cun investimento de 23 millóns de euros, a cidade olívica dispón de auga para uns 90 días. “Se non tivésemos esa infraestrutura, só habería auga para 20 ou 30 días”, sinalou.
En relación con Baiona, o alcalde afirmou literalmente: “Nunca lle negaremos a auga a ningún municipio da área metropolitana. Tan pronto como o alcalde de Baiona o necesite, abrimos a chave e abastecemos a Baiona”, tranquilizando así aos veciños sobre a continuidade do subministro.
Ademais, lembrou que existe un acordo para que Nigrán e Baiona poidan recibir auga do río Miño, aínda que el mesmo recoñeceu que “non o recomenda”.
Por último, insistiu en que a solución definitiva pasa pola construción dun novo encoro augas arriba de Eiras, proxecto que, segundo Caballero, conta co apoio do Goberno de España e do Concello de Vigo, pero do que “a Xunta se botou atrás”. O alcalde defendeu que a nova presa “tería un impacto medioambiental nulo” e unha capacidade de 22 hectómetros cúbicos, moi inferior a outras de grandes dimensións.
