Tomiño recibirá máis de 160.000 euros da Deputación para construír novos vestiarios no campo do Alivio.
A Deputación de Pontevedra aprobará este luns unha achega de 162.000 euros destinada á construción de novos vestiarios no campo de fútbol do Alivio, en Tomiño. Así o anunciou hoxe o deputado provincial Roberto Carrero durante unha visita ás instalacións, onde destacou a importancia desta obra para mellorar a infraestrutura deportiva do municipio.
A intervención enmárcase no II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cun orzamento total de 8 millóns de euros. No caso de Tomiño, a inversión supón un incremento do 83,5% respecto á primeira edición do plan, cando se destinaron 88.000 euros á reforma da cuberta e fachada do pavillón da Carballa.
Os novos vestiarios implicarán a construción dunha edificación completamente nova, ademais de traballos de escavación, movementos de terra, cimentacións e demolición parcial do muro existente. A actuación busca dar resposta ás necesidades das persoas usuarias do campo do Alivio, unha infraestrutura clave para o deporte local.
“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades”, sinalou Carrero, quen destacou que “con programas como este estamos a apoiar os concellos na mellora das súas instalacións deportivas”. Subliñou ademais que o obxectivo da Deputación é “converter Pontevedra na provincia do deporte”.