Tomiño

Tomiño comienza o curso sen biblioteca e o PSOE acusa ao goberno municipal de “enganar á veciñanza”

O Grupo Municipal Socialista de Tomiño denunciou que o novo curso escolar arranca un ano máis sen a apertura da tan esperada biblioteca municipal. As socialistas acusan ao Goberno local e á alcaldesa de “faltar á verdade e enganar á Corporación, á comunidade educativa e á veciñanza en xeral”, logo de asegurar en Pleno que a biblioteca, que cualifican de “privatizada”, estaría aberta ao inicio das clases.

Ademais, critican que continúe sen crearse a Comisión de Honras e Distincións Municipais. Consideran unha “falta de respecto e lealdade institucional” que a Corporación tivese que coñecer polas redes sociais a concesión dunha distinción ao veciño Manuel Álvarez, a quen felicitaron publicamente “con moito agarimo”.

Nun ton máis festivo, as socialistas trasladaron á veciñanza os seus mellores desexos pola Semana Grande do Alivio, convidando a gozar dos actos programados con seguridade e inclusión. Tamén agradeceron á Comisión do Alivio e ás múltiples comisións de festas e romarías do municipio o seu esforzo, dedicación e traballo desinteresado para manter vivo o patrimonio inmaterial de Tomiño.