Nigran

Rueda visita en Nigrán a nova planta de Delta Vigo, unha aposta pola innovación e a I+D+i en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este luns Nigrán con motivo da construción da nova planta de Delta Vigo, unha infraestrutura que reforzará a capacidade produtiva e innovadora desta empresa galega de referencia nos sectores aeroespacial e da defensa. A visita incluíu unha reunión co equipo directivo do grupo, na que se presentaron os futuros proxectos da compañía.

Durante a súa intervención, Rueda puxo en valor o papel de empresas como Delta Vigo na aposta pola innovación e na consolidación da I+D+i feita en Galicia. “Todo o que están a facer as universidades, os centros de excelencia e empresas punteiras como Delta investindo en investigación é o futuro”, sinalou, destacando que Galicia “cada vez fai máis I+D+i da que presumir e potenciar”.

Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente da Xunta eloxiou a traxectoria desta empresa familiar de capital 100 % español, que exporta arredor do 90 % da súa produción mantendo a súa raíz galega. Ademais, cualificou o grupo como un exemplo da marca Galicia Calidade e asegurou que compañías deste nivel contribúen a situar a Galicia como un referente no sector aeroespacial e da defensa.

Rueda lembrou tamén a primeira Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo de Galicia, aprobada este verán, que contará cun investimento público de 183 millóns de euros ata 2030 e permitirá mobilizar arredor de 900 millóns de euros.