Roberto Barba avalía en Baiona o impacto do programa da Xunta para persoas orfas por violencia de xénero
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse coas profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) de Baiona para avaliar o impacto do programa da Xunta dirixido ás persoas que quedaron orfas por causa da violencia de xénero.
Trátase dunha iniciativa pioneira e única en España que ten como finalidade reforzar a protección e a asistencia integral destas persoas, poñendo á disposición das familias un acompañamento individualizado adaptado ás súas necesidades específicas.
Durante o encontro, Roberto Barba explicou que o programa reforza a atención e o seguimento que se presta ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas, así como ás persoas que, de ser o caso, asuman a súa custodia, garda ou patria potestade. O obxectivo principal é facilitar o proceso de recuperación, con especial atención á súa reintegración social e educativa, así como ao acompañamento nos trámites burocráticos e na asistencia xurídica.
O director xeral indicou que calquera profesional dos recursos públicos ou membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado poden solicitar en calquera momento a derivación a este servizo específico, que se ofrece de maneira totalmente gratuíta.
Este recurso forma parte do conxunto de medidas que a Xunta de Galicia pon á disposición das vítimas de violencia de xénero na comunidade, dentro dun dos paquetes de apoio máis completos do país, que inclúe axudas específicas para a protección e recuperación integral das mulleres e das súas fillas e fillos.
