Últimas Noticias

Representación do Val Miñor na manifestación pola vivenda digna en Santiago

Veciños e veciñas do Val Miñor participaron este sábado na manifestación convocada en Santiago de Compostela para reclamar solucións urxentes ante a crecente dificultade de acceso á vivenda en Galicia. A mobilización reuniu milleiros de persoas baixo o lema “Por unha vivenda digna”, visibilizando unha problemática que tamén afecta con forza á comarca miñorana.

Nos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, o prezo da vivenda leva anos experimentando un incremento constante, tanto na compra como no alugueiro, o que dificulta especialmente a emancipación da xente nova e o acceso a un fogar por parte de familias con rendas medias ou baixas.

A situación no Val Miñor é reflexo dunha problemática que se estende por todo o territorio galego, con especial incidencia nas zonas costeiras e turísticas. A manifestación rematou cun chamamento á acción conxunta das administracións para garantir o dereito a unha vivenda digna e accesible para toda a cidadanía.