Remata o 31 de marzo o prazo para solicitar o desconto na taxa do lixo en Gondomar por uso do punto limpo
O BNG de Gondomar lembrou á veciñanza que o prazo para solicitar a bonificación na taxa do lixo por uso do punto limpo remata o 31 de marzo. A rebaixa, do 10 %, está destinada aos domicilios particulares que realizaran polo menos catro entregas de residuos durante o ano anterior.
Segundo explican, a solicitude debe presentarse a través do rexistro do Concello de Gondomar ou nas oficinas do ORAL da Deputación de Pontevedra.
Desde o Bloque tamén lembran que existen outras bonificacións na taxa do lixo para persoas con baixos ingresos, familias numerosas ou monoparentais, persoas en situación de desemprego, así como para casos de discapacidade, dependencia ou maiores de 65 anos. Nestes casos, o prazo de solicitude establécese entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, ampliándose ata o 31 de xaneiro no caso das familias numerosas.
Ademais, as persoas titulares de locais industriais, talleres, naves ou tendas de alimentación que desenvolvan programas de redución de residuos mediante xestores autorizados tamén poden solicitar unha rebaixa na taxa correspondente.
O BNG recomenda á veciñanza que solicite información directamente no Concello sobre as bonificacións ás que pode ter dereito, así como sobre os trámites e documentación necesarios para formalizar as solicitudes.
