¿Quen é Gonzalo Torrente Ballester e por que é un veciño ilustre para o Val Miñor?
O Concello de Nigrán vén de adicar un dos peldaños da escaleira da Praza da Biblioteca a Gonzalo Torrente Ballester, un dos grandes narradores galegos do século XX e veciño ilustre do Val Miñor durante décadas. No chan de granito figura gravada unha cita da súa novela A illa dos xacintos cortados: “Abarloados no esquecemento, Ariadna, viviremos”.
Un xesto simbólico que grava en pedra a pegada dun escritor que fixo de Nigrán un dos seus fogares máis queridos, tal como reflicte esta foto familiar no seu chalé da Romana en Ramallosa.
Torrente Ballester (Serantes, Ferrol, 1910 – Salamanca, 1999) instalouse en San Pedro da Ramallosa no verán de 1973, cando mercou o chalé coñecido como “La Romana”. Naquela casa pasou longas tempadas, afastado do bulicio de Madrid, e nela escribiu e corrixiu moitas das súas obras. O mar, o esteiro do Miñor e a tranquilidade miñorana convertéronse nun refuxio vital e literario.
Ademais, foi un home moi vencellado á vida social: paseaba polo paseo da Ramallosa —que hoxe leva o seu nome— e mantiña un trato próximo cos veciños.
Nos anos oitenta naceu unha das tradicións culturais máis lembradas do Val Miñor: a tertulia da Cafetería Monterrey en Baiona. Todo comezou tras unha entrevista en La Romana do xornalista Víctor Iglesias Viqueira a Torrente Ballester. A partir de aí xuntábanse case a diario no primeiro andar do local, arredor dun café ou dunha cervexa, acompañados de tortilla e aceitunas.
Con Torrente participaban tamén o escritor Carlos Casares, outro veciño de Nigrán, e o pintor Manuel Prego Oliver, entre outros. Aquelas conversas veraniegas convertéronse nun auténtico “salón literario” que marcou a memoria cultural da comarca. Non en van, hoxe seguen a lembrarse en encontros organizados polas fundacións Torrente Ballester e Carlos Casares.
Ademais, desde 1998 Nigrán conta cunha escultura en bronce no paseo da Ramallosa, inaugurada pouco antes do seu falecemento, que lembra a súa vinculación co municipio.
Agora contará cun chanzo na biblioteca municipal. O alcalde Juan González destacou que este proxecto pretende dedicar cada chanzo da Praza da Biblioteca a escritores vencellados co municipio, a título póstumo, creando así unha escaleira literaria única en Galicia. O primeiro peldaño foi para o poeta Alfonso Álvarez Cáccamo, e agora chega a quenda de Torrente Ballester.
Nunca escribiu en galego. En varias entrevistas recoñeceu que a súa lingua materna familiar era o galego, mais que nunca desenvolveu nel a súa escrita literaria porque lle faltaba vocabulario culto en galego para expresar con precisión o que quería contar nas súas novelas complexas.
Torrente Ballester publicou a triloxía Los gozos y las sombras entre 1957 e 1962 inspirada en cidades galegas como Pontevedra ou Ferrol; a obra retrata as tensións sociais, políticas e económicas da Galicia da Restauración.
En 1982, Televisión Española adaptou a triloxía nunha serie de 13 capítulos, dirixida por Rafael Moreno con gran éxito de audiencia. O recentemente falecido Eusebio Poncela, Charo López, unha novísima Maribel Verdú, Amparo Rivelles e Carlos Larrañaga impactaron coas súas interpretacións.
Isto consolidou a imaxe de Torrente como gran narrador da sociedade galega, aínda que escribira en castelán. O gran amor a Galicia e a súa pegada no Val Miñor convirteno nunha referencia literaria a nivel local, nacional e internacional.
