Últimas Noticias

Povisa seguirá atendendo aos veciños de Nigrán, Baiona e Gondomar grazas a un contrato de 195 millóns asinado co Sergas.

O hospital Povisa e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) veñen de asinar un novo contrato para garantir a asistencia sanitaria especializada dos veciños e veciñas de Nigrán, Baiona e Gondomar, xunto aos doutros municipios da área de Vigo. O acordo, formalizado de xeito electrónico este xoves, está dotado cun orzamento de 195 millóns de euros e terá unha vixencia de dous anos.

A través deste contrato, Povisa comprométese a prestar servizo a preto de 116.000 persoas, incluíndo a poboación destes tres municipios do Val Miñor, que seguirán tendo a opción de elixir este centro privado para a súa atención especializada.

Un dos cambios máis destacados do novo modelo é que os pagos da Xunta faranse en función da actividade real, abandonando o sistema tradicional ‘per cápita’. Isto permitirá mellorar a eficiencia do gasto sanitario, tal e como recomendou o Consello de Contas.

O hospital tamén deberá investir na mellora das súas instalacións e aplicar as subas salariais recollidas no convenio colectivo do persoal sanitario. Ademais, crearase unha unidade de supervisión e control para asegurar a calidade da asistencia prestada.

Cómpre lembrar que os casos de maior complexidade hospitalaria seguirán sendo derivados ao Hospital Álvaro Cunqueiro, centro público de referencia pola súa tecnoloxía e capacidade diagnóstica.

Con este contrato, o Sergas garante a continuidade da atención sanitaria especializada para Nigrán, Baiona e Gondomar, mantendo a colaboración público-privada na área sanitaria de Vigo.