Nigran

Portos de Galicia finaliza a renovación do pavimento do paseo portuario de Panxón en Nigrán

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de rematar esta semana as obras de renovación e mellora do pavimento do paseo portuario de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán.

A actuación foi executada con cargo ao servizo de mantemento de instalacións do ente público, que abrangue os 122 portos de titularidade autonómica. En concreto, ao longo do paseo de madeira situado no bordo portuario de Panxón renováronse numerosas táboas que substitúen ás anteriores, deterioradas pola acción do mar e pola exposición a condicións meteorolóxicas adversas.

Ademais, repuxéronse parte das madeiras que se atopaban desprazadas e reforzáronse os apoios que presentaban danos, mellorando así a seguridade e a estabilidade da infraestrutura.

Esta intervención permitiu a reapertura do paseo ao tránsito peonil, despois de que tivera que ser restrinxido como consecuencia do tren de borrascas do pasado inverno, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias e facilitar a execución dos traballos de reparación.