Polémica en Tomiño polo acceso non autorizado do alcalde da Guarda ao campo municipal do Alivio para facer fotos
O Concello de Tomiño fixo público un comunicado no que manifesta o seu profundo malestar polo acceso sen autorización do alcalde da Guarda, Roberto Carrero, ás instalacións municipais do Campo de Fútbol do Alivio. O rexedor guardés, que acudiu en calidade de deputado provincial e acompañado de concelleiros do Partido Popular, empregou o recinto municipal para realizar unha sesión fotográfica con fins partidistas e sen realizar previamente ningún tipo de comunicación ou solicitude ao goberno local.
Desde o executivo tomiñés cualifican esta actuación como unha “grave falta de respecto ás normas básicas de convivencia institucional”, ao considerar que se fixo un uso indebido dun espazo público sen contar coa autorización pertinente.
A maiores, o Concello de Tomiño denuncia que se difundiu información incorrecta sobre o proxecto de mellora do campo, presentado polo propio Concello á Deputación de Pontevedra. O investimento previsto ronda os 320.000 euros, dos cales a axuda provincial só cubriría algo máis do 50 %. “É especialmente preocupante que o señor Carrero visitase as instalacións o pasado mércores, cando a resolución da subvención foi aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación o luns anterior e aínda non fora notificada oficialmente ao Concello”, engaden.
“O Concello de Tomiño mantén sempre unha actitude de colaboración institucional, pero este tipo de comportamentos son inaceptables e poñen en risco a relación de respecto mutuo que debe existir entre administracións públicas”, conclúe o comunicado.